Alumnado de 4.º ESO e mais de 1.º e 2.º Bacharelato realizaron a finais de outubro de 2024 unha visita didáctica a Portugal, concretamente á súa capital Lisboa e tamén ás cidades de Coimbra e Aveiro.
A primeira parada foi na cidade universitaria de Coimbra onde, baixo unha calor abafante, visitaron os lugares máis representativos desta universidade que é unha das máis antigas en funcionamento continuo do mundo e a máis antiga de Portugal.
No día seguinte, xa en Lisboa fixeron unha vista guiada á Biblioteca Nacional de Portugal, onde puideron ver o orixinal do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, tamén denominado Cancioneiro Colocci-Brancuti, unha alfaia cultural galega e portuguesa que é a colección de cantigas escritas en galego-portugués. A seguir visitaron a zona universitaria da Universidade de Lisboa. Á noitiña desprazáronse até a zona de Belém, onde visitaron a Torre de Belém, o Padrão dos Descobrimentos, o Mosteiro dos Jerónimos e probaron os famosos pasteis de Belém.
O terceiro día tocou o centro da cidade de Lisboa. Comezaron na Praça dos Restauradores e mais o interactivo Museu do Dinheiro, que inclúe a Muralha de D. Dinis. Tamén se detiveron na Praça de D. Pedro IV, na rúa Augusta e o seu grande Arco e na Praça do Comercio (Terreiro do Paço). Despois de comer estiveron coa tuna da Facultade de Farmacia e subiron desde a Baixa ata o Chiado e pasaron pola cafetaría A Brasileira e mais o largo do Carmo, coa súa relevancia dentro da Revolução dos Cravos de 1974, onde tiveron unha excelente vista da cidade de Lisboa desde o elevador do Carmo. O último día, para rematar esta visita a Portugal, regresaron a Celanova parando en Aveiro e onde viron os famosos molicieiros.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Visita á Biblioteca Nacional de Lisboa: Cancioneiro Colocci-Brancuti