martes, 11 de marzo de 2025

Seguindo os costumes da vila de Celanova celebramos o Entroido na véspera do Sábado de Piñata. Realizamos un percorrido polas rúas celanovesas amosando os nosos disfraces que rematou con diferentes bailes na praza Maior de Celanova. Ademais disto gozamos dunha merenda e dun concerto de rock coa banda do profesorado "The Kastor Band".

mércores, 26 de febreiro de 2025

O 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento dunha das escritoras máis importantes na nosa literatura. A nosa homenaxe na Peza do Mes xira arredor da REPRODUCIÓN FACSÍMIL DA PRIMEIRA EDICIÓN DE FOLLAS NOVAS publicada por primeira vez na Habana en 1880. Queremos aclarar que un facsímil é unha copia ou reprodución case idéntica dun documento. A Habana en Cuba era un importante centro cultural, cun puxante Centro Galego que agrupaba aos emigrantes que alí chegaron ao longo do século XIX. A obra de Rosalía xa era coñecida en Cuba e Follas novas foi editada pola editorial cubana La Propaganda Literaria. Ao longo da historia a súa imaxe foi símbolo da cultura e lingua galega e tamén icono do apoio aos grupos máis prexudicados da nosa sociedade. O seu retrato circulou entre 1979 e 1984 no billete de 500 (cincocentas ) pesetas. Ao cambio, equivale a 3€. Tamén comezou a circular en 1968 unha tirada de 10.000.000 de selos de Correos co seu rostro. Tendo en conta que nestes anos hai unha importante vagada de emigración, e o medio de comunicación entre moitas familias era o correo postal, o feito de ilustrar estes selos coa figura de Rosalía recórdanos a súa forte sensibilidade co colectivo emigrante. Os límites desta escritora non teñen froiteiras, sendo tan altos que chegaron ao ceo. Un avión da empresa Norwegian leva estampada a imaxe de Rosalía dende 2017. Nun acto celebrado o 17 de decembro de 2019 en París a Unión Astronómica Internacional fixo un novo nomenamento de estrellas e planetas, a estrela asignada a España, leva desde ese momento como nome «Rosalía de Castro». A figura de Rosalía foi tamén fonte de inspiración para multitude de artistas. Así temos representación en cerámica da súa persoa por artesáns como Sargadelos ou Regal. Tamén en ilustracións como da que temos aquí exposta de Uxía Oviedo. A súa poesía está en parte inspirada no noso cancioneiro popular. Casas de creación de instrumentos tradicionais como Sanín decoran as súas pezas tamén coa súa imaxe. E si queremos seguir levando adiante o seu legado hai milleiros de tendas que crean merchandising con frases inspiradoras da súa obra e co seu rostro. ROSALÍA HOXE A figura de Rosalía de Castro toma toda a importancia xa durante o século XIX, mais o seu legado segue nos nosos días como fonte de inspiración para novos escritores, músicos e artistas. A súa relevancia ten raíces literarias, pero a forte pegada na actualidade creou unha iconografía ao seu redor por todo aquilo que evoca a súa persoa: • Rosalía é feminismo, representando a búsqueda de recoñecemento, visibilidade e independencia das mulleres nunha sociedade patriarcal. • Rosalía é loita, posto que puxo en valor unha lingua rexeitada e esquecida, dignificando ademais as costumes, a cultura e a lírica popular galegas. • Rosalía é liberdade na defensa o pobo galego, denunciando as inxustizas e miserias que vivía a nosa xente. É así como a día de hoxe empregamos a súa imaxe e as súas palabras como símbolo lingüístico, cultural e feminista.
O alumnado de 2.º ESO do IES Celanova-Celso Emilio Ferreiro desprazouse até Betanzos o 24 de febreiro de 2025 para realizar un intercambio lingüístico co IES As Mariñas. Tocou un día chuvioso e só realizamos actividades no interior. En primiero lugar no Museo das Mariñas e despois no propio centro escolar betanceiro.

mércores, 1 de xaneiro de 2025

Portadas da revista

Neste sitio web podedes ver as portadas da revista O Poleiro, revista do EDLG do IES Celanova-Celso Emilio Ferreiro, desde o ano 2002.