A Regueifa chegou a Terras de Celanova. Lupe Blanco veu dende Coristanco para achegarnos a unha das tradicións da nosa lírica popular oral.
Canta retranca saiu do noso alumnado!
Medre a regueifa e as regueifeiras!
venres, 14 de marzo de 2025
ERGUENDO A VOZ DAS MULLERES
Posted by EDLGPOLEIRO on 08:07
Luns día 10 de marzo conmemoramos o Día da Muller(8M). Acudimos a un acto no que compartimos a nosa homenaxe cos compañeiros
doutros centros e asociacións de Celanova
martes, 11 de marzo de 2025
Entroido 2025 no IES Celanova-Celso Emilio Ferreiro.
Posted by EDLGPOLEIRO on 05:21
Seguindo os costumes da vila de Celanova celebramos o Entroido na véspera do Sábado de Piñata. Realizamos un percorrido polas rúas celanovesas amosando os nosos disfraces que rematou con diferentes bailes na praza Maior de Celanova. Ademais disto gozamos dunha merenda e dun concerto de rock coa banda do profesorado "The Kastor Band".
mércores, 26 de febreiro de 2025
DÍA DE ROSALÍA. Peza do mes de febreiro no Fogar das musas
Posted by EDLGPOLEIRO on 08:59
O 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento dunha das escritoras máis importantes na nosa literatura.
A nosa homenaxe na Peza do Mes xira arredor da REPRODUCIÓN FACSÍMIL DA PRIMEIRA EDICIÓN DE FOLLAS NOVAS publicada por primeira vez na Habana en 1880. Queremos aclarar que un facsímil é unha copia ou reprodución case idéntica dun documento.
A Habana en Cuba era un importante centro cultural, cun puxante Centro Galego que agrupaba aos emigrantes que alí chegaron ao longo do século XIX. A obra de Rosalía xa era coñecida en Cuba e Follas novas foi editada pola editorial cubana La Propaganda Literaria. Ao longo da historia a súa imaxe foi símbolo da cultura e lingua galega e tamén icono do apoio aos grupos máis prexudicados da nosa sociedade.
O seu retrato circulou entre 1979 e 1984 no billete de 500 (cincocentas ) pesetas. Ao cambio, equivale a 3€.
Tamén comezou a circular en 1968 unha tirada de 10.000.000 de selos de Correos co seu rostro.
Tendo en conta que nestes anos hai unha importante vagada de emigración, e o medio de comunicación entre moitas familias era o correo postal, o feito de ilustrar estes selos coa figura de Rosalía recórdanos a súa forte sensibilidade co colectivo emigrante.
Os límites desta escritora non teñen froiteiras, sendo tan altos que chegaron ao ceo.
Un avión da empresa Norwegian leva estampada a imaxe de Rosalía dende 2017.
Nun acto celebrado o 17 de decembro de 2019 en París a Unión Astronómica Internacional fixo un novo nomenamento de estrellas e planetas, a estrela asignada a España, leva desde ese momento como nome «Rosalía de Castro».
A figura de Rosalía foi tamén fonte de inspiración para multitude de artistas. Así temos representación en cerámica da súa persoa por artesáns como Sargadelos ou Regal. Tamén en ilustracións como da que temos aquí exposta de Uxía Oviedo.
A súa poesía está en parte inspirada no noso cancioneiro popular. Casas de creación de instrumentos tradicionais como Sanín decoran as súas pezas tamén coa súa imaxe.
E si queremos seguir levando adiante o seu legado hai milleiros de tendas que crean merchandising con frases inspiradoras da súa obra e co seu rostro.
ROSALÍA HOXE
A figura de Rosalía de Castro toma toda a importancia xa durante o século XIX, mais o seu legado segue nos nosos días como fonte de inspiración para novos escritores, músicos e artistas.
A súa relevancia ten raíces literarias, pero a forte pegada na actualidade creou unha iconografía ao seu redor por todo aquilo que evoca a súa persoa:
• Rosalía é feminismo, representando a búsqueda de recoñecemento, visibilidade e independencia das mulleres nunha sociedade patriarcal.
• Rosalía é loita, posto que puxo en valor unha lingua rexeitada e esquecida, dignificando ademais as costumes, a cultura e a lírica popular galegas.
• Rosalía é liberdade na defensa o pobo galego, denunciando as inxustizas e miserias que vivía a nosa xente.
É así como a día de hoxe empregamos a súa imaxe e as súas palabras como símbolo lingüístico, cultural e feminista.
Intercambio lingüístico co IES As Mariñas de Betanzos (24 de febreiro de 2025)
Posted by EDLGPOLEIRO on 03:55
O alumnado de 2.º ESO do IES Celanova-Celso Emilio Ferreiro desprazouse até Betanzos o 24 de febreiro de 2025 para realizar un intercambio lingüístico co IES As Mariñas.
Tocou un día chuvioso e só realizamos actividades no interior. En primiero lugar no Museo das Mariñas e despois no propio centro escolar betanceiro.
mércores, 1 de xaneiro de 2025
Portadas da revista
Posted by EDLGPOLEIRO on 23:59
Neste sitio web podedes ver as portadas da revista O Poleiro, revista do EDLG do IES Celanova-Celso Emilio Ferreiro, desde o ano 2002.
luns, 4 de novembro de 2024
Visita á Biblioteca Nacional de Lisboa: Cancioneiro Colocci-Brancuti
Posted by EDLGPOLEIRO on 03:02
Alumnado de 4.º ESO e mais de 1.º e 2.º Bacharelato realizaron a finais de outubro de 2024 unha visita didáctica a Portugal, concretamente á súa capital Lisboa e tamén ás cidades de Coimbra e Aveiro.
A primeira parada foi na cidade universitaria de Coimbra onde, baixo unha calor abafante, visitaron os lugares máis representativos desta universidade que é unha das máis antigas en funcionamento continuo do mundo e a máis antiga de Portugal.
No día seguinte, xa en Lisboa fixeron unha vista guiada á Biblioteca Nacional de Portugal, onde puideron ver o orixinal do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, tamén denominado Cancioneiro Colocci-Brancuti, unha alfaia cultural galega e portuguesa que é a colección de cantigas escritas en galego-portugués. A seguir visitaron a zona universitaria da Universidade de Lisboa. Á noitiña desprazáronse até a zona de Belém, onde visitaron a Torre de Belém, o Padrão dos Descobrimentos, o Mosteiro dos Jerónimos e probaron os famosos pasteis de Belém.
O terceiro día tocou o centro da cidade de Lisboa. Comezaron na Praça dos Restauradores e mais o interactivo Museu do Dinheiro, que inclúe a Muralha de D. Dinis. Tamén se detiveron na Praça de D. Pedro IV, na rúa Augusta e o seu grande Arco e na Praça do Comercio (Terreiro do Paço). Despois de comer estiveron coa tuna da Facultade de Farmacia e subiron desde a Baixa ata o Chiado e pasaron pola cafetaría A Brasileira e mais o largo do Carmo, coa súa relevancia dentro da Revolução dos Cravos de 1974, onde tiveron unha excelente vista da cidade de Lisboa desde o elevador do Carmo. O último día, para rematar esta visita a Portugal, regresaron a Celanova parando en Aveiro e onde viron os famosos molicieiros.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










OBRADOIRO DE IMPROVISACIÓN